Sunday 12 de May de 2024

O Concello instalará seis novas illas comunitarias de compostaxe antes de final de ano


O Concello de Santiago de Compostela, na súa aposta pola compostaxe, ten previsto instalar seis novas illas comunitarias antes de que remate o ano, polo que se prevé que as obras se inicien neste mes de outubro e estean rematadas no mes de novembro. O seu principal obxectivo é promover a reciclaxe de residuos orgánicos entre a veciñanza que habita en vivendas comunitarias e conta cun espazo público adecuado na súa contorna.

As localizacións escollidas son as seguintes: avenida do Burgo das Nacións, o xardín de San Roque, a avenida Bilbao, a avenida da Liberdade, a rúa Isidro Parga Pondal e a rúa do Alcalde Raimundo López Pol. Un total de seis novos espazos dedicados á compostaxe comunitaria que se unirán ás catro xa activas en Galeras, Romaño, Santa Marta e Salgueiriños.

Durante o mes de outubro, o equipo de Santiago Sostible e os seus mestres/as composteiras, impartirá unha serie de charlas informativas dunha media hora de duración nos centros socioculturais máis próximos ás 6 novas illas e tamén nos cercanos ás 4 localizacións xa existentes con anterioridade.

A continuación indicamos a programación coa data, hora e o lugar onde se van a desenvolver estas actividades:

Martes 10 de outubro
– ás 19h, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño.
– ás 20.30h, no Centro Sociocultural de Santa Marta.

Mércores 11 de outubro
– ás 19h, no Centro Sociocultural de San Lázaro.
– ás 20.30h, no Centro Sociocultural Casa Agraria.

Martes 17 de outubro
– ás 19h, no Centro Cívico Romaño – Vista Alegre.
– ás 20.30h, no Centro Sociocultural de Fontiñas.

Mércores 18 de outubro
– ás 19h, no Centro Sociocultural de Caramoniña.
– ás 20h, no Centro Sociocultural de Vite.

Xoves 19 de outubro
– ás 19h, no Centro Sociocultural Brañas de Andrés.